Etapa 7: Lugo

Mércores 7 de Xullo.Villafranca do Bierzo-Portomarín.105km.
Desde Villafranca a estrada sobe serpenteando baixo frondosas fragas de castiñeiros ata o porto de Pedrafita, onde o camiño entra en Galicia. Desde alí a estrada vira cara á esquerda e seguimos subindo con forte vento en contra ata a aldea do Cebreiro, declarada conxunto histórico. As vistas son espectaculares. Hai unha gran concentración de peregrinos. Selamos a credencial na igrexa de Santa María a Real, construída no século IX (a máis antiga do camiño) na que tivo lugar o milagre do Santo Grial. Hai un arco decorado con miles de estampas de santos.
Pouco despois do Cebreiro a estrada inicia un larguísimo descenso de máis de quince quilómetros ata o Mosteiro de Samos, onde paramos a almorzar. Ata Sarria o camiño discorre por unha paisaxe de bosques de ribeira, verdes e húmidos.
Ao mediodía chegamos a Portomarín. Do antigo pobo que quedou mergullado baixo o encoro só se conserva a igrexa, trasladada pedra a pedra e reconstruída na nova praza; no campanario aniñan as cegoñas . Hospedámonos no albergue municipal e comemos cos cataláns que coñecemos en Astorga. Pasamos a tarde calorosa na piscina e ás oito collemos sitio nun bar do pobo para ver a semifinal dos mundiais Alemaña-España tomando unhas xerras de cervexa.


Milladoiro



 Outra maneira de facer o camiño


Porto de Pedrafita


Alto do Cebreiro


 Portomarín
 
 

Piscina municipal

Etapa 8: Santiago de Compostela


Xoves, 8 de Xullo: Portomarín-Santiago de Compostela.95km.
Saímos de Portomarín de noite, ás seis e media; ao pouco tempo, cando pasamos por Vendas de Narón, desátase unha tormenta e refuxiámonos en "Casa Molar" onde atopamos de novo aos dous cataláns. Aproveitamos para almorzar e selar a credencial mentres esperamos que pase a choiva. O albergue está cheo de italianos. Este establecemento é moi recomendable pola tranquilidade do lugar e a amabilidade dos propietarios. Un bo lugar para finalizar unha etapa.
Ata Palas de Rei a estrada discorre por paraxes moi verdes e agradables. A partir de aquí continuamos pola N-547. Ao paso pola parroquia de Santiago de Boente detémonos na igrexa onde nos recibe un cura que nos sela a credencial, regálanos unha estampa do santo e danos a bendición. O resto do camiño acompáñanos un ciclista polaco que viaxa só. Na praza do Obradoiro facemos fotos xuntos e despedímonos.
En Santiago hai unha marea de xente e fai unha calor sufocante. Dirixímonos á Alameda para asearnos xunto a unha fonte e cambiarnos de roupa e logo gardamos as bicis no parking próximo á catedral (2 euros cada unha). Despois de comer imos á oficina do peregrino onde nos dan a "Compostela" e por fin a visitar a catedral, onde din que se atopan os restos do Apóstolo.



 Un compañeiro de Polonia



Milladoiro



Final na Praza do Obradoiro



 Pórtico da Gloria


 
 Credencial do peregrino
 

 
 Dos años más tarde haremos el siguiente viaje: